sábado, 23 de mayo de 2026

Estrea da ópera de LÓVA!

🎭✨Esta semana vivimos no cole unha experiencia inesquecible coa estrea da ópera da compañía Pentas, O álbum da morriña, unha emocionante historia sobre a emigración galega e as emocións que acompañan a quen deixa a súa terra.💙

O xoves 21 de maio tivemos unha función moi especial para as familias dos artistas, e o venres 22 todo o alumnado do cole puido gozar desta magnífica representación.

Foi todo un éxito, reflexo da importancia do proxecto LÓVA e do enorme traballo, esforzo e ilusión dos nenos e nenas de 5º de Educación Primaria ao longo de todo o curso. 

Parabéns a todos e todas polo voso bo facer enriba do escenario! Estamos moi orgullosos de vós! 💫🎶🌟






lunes, 6 de abril de 2026

Visita moi especial en LÓVA

O alumnado de 5º de Primaria recibiu a visita das súas familias dentro do proxecto LÓVA. Durante a mesma, os nenos e nenas convertéronse en auténticos protagonistas, organizando dinámicas e retos nos que participaron os seus pais e nais. Foi unha experiencia chea de aprendizaxe compartida, colaboración e moita ilusión!

Ademais, tiveron a oportunidade de explicar en primeira persoa como está a avanzar a creación da súa ópera, amosando todo o traballo, esforzo e creatividade que hai detrás deste proxecto tan especial.

Grazas ás familias pola súa implicación e por formar parte deste proceso tan enriquecedor! 💖😀





lunes, 9 de marzo de 2026

Traballando a estrutura dramática da ópera de xeito divertido

En LÓVA, o alumnado de 5º de EP xa rematou de traballar a estrutura dramática en parellas, usando viñetas para que todo fose máis visual e doado de comprender. Esta actividade permitiulles identificar claramente cada fase da historia, desde a presentación dos personaxes ata os conflitos e os desenlaces.

Finalmente, puxeron todo en común en gran grupo, compartindo ideas e observacións, o que fomentou a colaboración e a creatividade. Grazas a esta técnica, non só aprenderon a estruturar unha historia, senón tamén a expresar visualmente os momentos clave e comprender como se constrúe unha narrativa impactante.

Un xeito divertido e creativo de aprender a desenvolver unha gran historia e de ver como a ópera cobra vida! 🎬🖌️








Visita inspiradora da profe Lucía Penas

Como parte do proxecto LÓVA, os nenos e nenas de 5º de EP recibiron a visita da profe Lucía Penas, que veu falarlles sobre as profesións de relacións públicas e documentalistas.

Para explicalo, Lucía apoiouse nun exemplo moi próximo ao alumnado: a potente campaña de marketing da última tempada de Stranger Things. Foi emocionante ver como conectaron co tema!

Os nosos estudantes quedaron encantados e cheos de ideas sobre como se documenta o proceso de creación da ópera e como despois se comunica ao mundo de forma impactante. 🎬💡





viernes, 6 de marzo de 2026

Cerimonia de entrega das profesións en LÓVA

A pasada semana, o alumnado de 5º EP participou nun dos momentos máis esperados do proxecto LÓVA: cerimonia de entrega das profesións. 

Durante o acto, cada estudante foi recibindo a súa profesión, asumindo así unha responsabilidade real dentro do proxecto: dirección, escenografía, iluminación, vestiario, comunicación, interpretación e moitas outras tarefas fundamentais para que a compañía funcione. Foi un instante cargado de nervios, ilusión e curiosidade, no que todos e todas escoitaban con atención e celebraban con aplausos cada nova asignación.

Un dos momentos máis significativos foi a sinatura do contrato emocional. A través deste xesto simbólico, o alumnado comprometeuse a desenvolver a súa profesión con responsabilidade, esforzo e entusiasmo, entendendo que o éxito da compañía depende do traballo e da colaboración de todo o grupo. Este compromiso tamén reflicte valores tan importantes como o respecto, a cooperación e a confianza entre compañeiros e compañeiras.

Entre sorrisos, aplausos e algunha que outra mirada chea de emoción, deu comezo oficialmente esta nova etapa do proxecto. A partir de agora, o alumnado traballará unido para facer realidade a súa propia ópera, aprendendo a organizarse e crear algo único entre todos. 🎭✨







jueves, 5 de febrero de 2026

Aprendendo a dirixir en equipo no proxecto LÓVA

Dentro do proxecto LÓVA, os nenos e nenas recibiron a visita de Gabriel, pai de Ohana, que participou nunha sesión moi enriquecedora e chea de aprendizaxes.

Durante o encontro, falounos da súa experiencia como director e explicou como se organiza e se dirixe unha empresa, facendo especial fincapé na importancia de saber traballar en equipo, ter ganas, iniciativa e motivación, e actuar sempre desde a empatía e o respecto ás persoas.

O alumnado puido facer preguntas, reflexionar e relacionar todo o aprendido co seu propio traballo dentro do proxecto LÓVA, comprendendo mellor o valor de cada unha das profesións da compañía.

Moitas grazas, Gabriel, por compartir o teu tempo e a túa experiencia con nós e por axudar a facer deste proxecto unha vivencia aínda máis significativa 💙✨



jueves, 22 de enero de 2026

As profesións de LÓVA

Dentro do proxecto LÓVA (A Ópera, un Vehículo de Aprendizaxe), o alumnado de 5º de Educación Primaria iniciou un proceso de coñecemento e exploración de todo o traballo que hai detrás dunha produción escénica.

Ao longo das primeiras sesións, traballaron as distintas profesións implicadas nunha función, aprendendo cal é o papel de cada unha antes, durante e ao remate do espectáculo, así como a importancia da coordinación e do traballo en equipo. Iluminadores, intérpretes, responsables de relacións públicas, vestiario, peiteado e maquillaxe, dirección...

Ademais, realizaron unha visita ao salón de actos do centro co obxectivo de familiarizarse co espazo no que desenvolverán o proxecto ao longo dos vindeiros meses. Durante esta visita puideron coñecer o escenario, a distribución do espazo e imaxinar como será o seu propio traballo artístico.

Este proxecto permitirá ao alumnado desenvolver competencias artísticas, comunicativas e sociais, fomentando a creatividade, a responsabilidade e a cooperación.🎶







Estrea da ópera de LÓVA!

🎭✨Esta semana vivimos no cole unha experiencia inesquecible coa estrea da ópera da compañía Pentas, O álbum da morriña , unha emocionante h...