Hai unhas semanas, en Ciencias Sociais de 5º
de Primaria, rematamos o proxecto “Coidado, está vivo!”. Nel estivemos a
traballar principalmente os climas do mundo e as súas características, pero
tamén tratamos outros moitos temas como o cambio climático, o desenvolvemento
sostible ou os diferentes tipos de ecosistemas que existen.
Comezamos o proxecto coa rutina de pensamento
“vexo, penso, pregúntome” con esta imaxe. Que pensades e que vos preguntades
vós?
Despois, fixemos unha investigación sobre os
climas do mundo: onde están, as súas temperaturas e as súas precipitacións,
para chegar a un debate sobre o cambio climático, no que falamos do que era
este fenómeno e a nosa culpa como especie en que se estea a producir.
Este debate levounos a coñecer o termo
“desenvolvemento sostible”, algo que polo que vimos é fundamental de cara a
axudar ao noso planeta cara o futuro, sen deixar de evolucionar e mellorar o
presente.
Tras este debate, comezamos o noso produto
final, que tiñamos moitas ganas de facer despois de tanto tempo: UNHA MAQUETA!!
A pena é que non puidemos facela en equipos como nos gustaría, pero aínda así
foi unha actividade marabillosa.
Nas nosas maquetas, tivemos que inventar un
ecosistema, iso sí, baseado nun clima real; os nosos creativos animais e as
nosas imaxinarias plantas tiñan que ter características que os permitisen
sobrevivir no clima que elixiramos. Fíxosenos un pouco difícil, pero ao final
lográmolo, como podedes ver nas imaxes. Por suposto, cada elemento da nosa
maqueta tiña a súa ficha informativa: características, alimentación,
reprodución...)
Para rematar, e volvendo ao noso sentimento de
intentar mellorar o mundo, fixemos unha destreza de pensamento chamada
“resolución de problemas con destreza”, onde tentamos buscar solucións ao
cambio climático. Atopamos solucións tanto sinxelas (por exemplo, aumentar os
espazos naturais protexidos para evitar a extinción de animais e plantas), como
moi complexas (como pode ser a de tentar habitar outro planeta e facer as
cousas ben alí).
Como vedes, foi un proxecto longo e que nos
fixo pensar moito, pero a verdade é que nos gustou un montón!!