Este mes de setembro, o alumnado de 5º de Educación Primaria comezou unha aventura moi especial: o proxecto LÓVA (A Ópera, un Vehículo de Aprendizaxe).
Ao longo destas primeiras semanas, o grupo estivo a traballar en dinámicas de cohesión para reforzar a confianza, a comunicación e a colaboración. Tamén afrontaron pequenos retos colectivos nos que todos tiñan que cooperar para acadar un mesmo obxectivo, aprendendo así que cada persoa é importante dentro do equipo.
Ademais, iniciaron os seus cadernos de reflexión persoal, un espazo íntimo no que cada alumno escribe e pensa sobre a súa propia aprendizaxe e emocións. Ao mesmo tempo, comezaron a dar vida ao caderno de bitácora da compañía, no que se recollen os pasos, decisións e vivencias comúns da clase neste ilusionante proxecto.
O camiño acaba de comezar, e pouco a pouco iranse descubrindo as habilidades, talentos e ideas que cada alumno achegará para que a súa compañía teatral medre unida e consiga grandes metas.