No mes de novembro, levamos a cabo un interesante proxecto, enmarcado dentro da materia de Lingua Galega. Chamámolo "Reporteiros na escola" e, como o seu nome indica, tivemos a oportunidade de poñernos na pel daquelas persoas que traballan na redacción dun xornal ou nos directos do telexornal.
Comezamos o proxecto analizando os diferentes xeitos de comunicación que existiron ao longo da historia e as formas que o ser humano tiña para manterse informado do que acontecía ao seu redor. Puidemos levar a cabo unha interesante reflexión mediante a destreza de pensamento Compara e contrasta. Deste xeito, examinamos as similitudes e as diferenzas que existen entre as formas de comunicación do pasado e aquelas que utilizamos hoxe en día, en especial os denominados mass media.
Mediante o Compara e contrasta, chegamos a conclusións moi interesantes, entre elas, o importante papel que xoga a día de hoxe a tecnoloxía en moitos contextos comunicativos.
Tamén aprendemos a redactar unha noticia para o xornal. Agora sabemos que é imprescindible responder a seis preguntas clave para que a noticia estea completa: Que? Quen? Cando? Onde? Como? Por que? Ademáis, hai que ter en conta una estrutura axeitada.
Por equipos, redactamos diversas noticias e creamos o noso propio xornal, ao que chamamos "A Voz de Quinto". Nel incluimos artigos periodísticos estruturados en varias seccións: sucesos, deportes, moda, o tempo, o horóscopo, pasatempos, anuncios... Foi un proceso moi divertido!
E para rematar o proxecto, escollemos algunhas das noticias que redactamos e fixemos unha presentación oral por equipos, meténdonos na pel de presentadores do telexornal, para informar ao resto da clase das noticias de última hora.
Xa sabedes! É importante estar ben informados!
No hay comentarios:
Publicar un comentario