jueves, 4 de diciembre de 2025

Visita de Sara, nai de Alicia, ao proxecto LÓVA

Os nenos e nenas de 5°EP tivemos a sorte de recibir a Sara, nai de Alicia, dentro do noso proxecto LÓVA. Profesora de Lingua Galega, Sara compartiu con nós a súa experiencia e coñecementos sobre o mundo da escritura.

Falounos sobre o que significa ser escritor, e presentounos algúns dos grandes nomes da literatura universal: desde García Márquez, Isabel Allende e Roald Dahl ata Castelao. Tamén nos propuxo actividades de escritura creativa, nas que todos e todas puidemos poñer en práctica a nosa imaxinación e talento literario.

Unha experiencia moi enriquecedora para seguir descubrindo o marabilloso mundo das palabras como parte da creación da nosa ópera. ✍️💡

Grazas, Sara! 💜



jueves, 20 de noviembre de 2025

Unha mañá creativa en LÓVA: aprendendo costura e deseño téxtil

Esta semana, o alumnado de 5º EP gozou dunha experiencia moi especial dentro do Proxecto LÓVA. Recibiron a visita de Tatiana, a nai de Bianca, quen compartiu con eles a súa paixón pola costura e as manualidades, abríndolles unha xanela ao mundo do deseño téxtil.

Durante a sesión, Tatiana explicoulle ao alumnado algunhas nocións básicas de patronaxe, amosándolles como unha peza de roupa comeza sendo un conxunto de liñas e formas sobre o papel. Os alumnos e alumnas puideron observar como se toman as medidas, como se debuxan os patróns e como cada peza encaixa para dar lugar a un deseño final.

Despois, tiveron a oportunidade de vela traballar cunha prensa de calor, unha ferramenta profesional que permite transferir adhesivos e deseños á tea. Puideron ver, paso a paso, como unha simple imaxe se converte nun detalle decorativo que personaliza unha prenda.

Foi unha xornada chea de creatividade, curiosidade e aprendizaxe práctica, na que se implicaron con entusiasmo e descubriron novas formas de expresión artística.

Moitas grazas, Tatiana, polo teu tempo, pola túa cercanía e por seres unha fonte de inspiración para todos. Este tipo de experiencias enriquecen o proxecto e achegan ao alumnado a realidades e habilidades que van máis alá da aula.






jueves, 13 de noviembre de 2025

Visita especial no proxecto LÓVA: o pai de Pedro fala sobre fotografía e iluminación

Esta semana tivemos unha visita moi especial no noso proxecto LÓVA. O pai de Pedro veu á aula para falarnos sobre fotografía e iluminación, dúas partes moi importantes para o noso traballo.

Aprendemos como a luz pode cambiar completamente o aspecto dun obxecto ou dunha escena, e que existen luces frías e quentes segundo o que queiramos destacar. Esta aprendizaxe será moi útil para as persoas que dentro do proxecto desempeñan o papel de iluminadores, pero tamén para o equipo de documentalistas, que se encargarán de fotografar e documentar todo o proceso da nosa obra.

Foi unha sesión moi interesante e divertida, na que descubrimos que mirar con atención é o primeiro paso para facer boas fotos.

Grazas por compartir connosco o teu tempo e coñecementos, Fran! 📸💡







viernes, 31 de octubre de 2025

"Eu son": unha viaxe de expresión e creatividade en LÓVA

O alumnado de 5º EP participou nunha actividade moi especial dentro do proxecto LÓVA, titulada “Eu son”. A través dela, os nenos e nenas exploraron quen son e como se senten, utilizando a arte e as metáforas como linguaxes de expresión.

Cada estudante buscou unha imaxe simbólica para representarse: “Eu son unha flor”, “eu son unha ruleta”, “eu son un barco”, “eu son unha nave espacial”, “eu son un burato negro”... Cada unha destas frases agocha unha historia, unha emoción e unha forma de ver o mundo.

O obxectivo da actividade foi fomentar a reflexión persoal e a expresión artística e oral,bases fundamentais do proxecto LÓVA.

A o corredor encheuse de cores, palabras e emocións. Entre risas, pinceladas e pequenas conversas, os nenos e nenas descubriron que non hai unha soa maneira de ser, e que a arte é un espello onde podemos vernos de moitas formas distintas.

Foi unha experiencia chea de creatividade, sensibilidade e identidade, que nos axuda a seguir construíndo, pouco a pouco, a nosa compañía de ópera... e tamén a nós mesmos.









jueves, 9 de octubre de 2025

Observación de células vexetais co microscopio

Na clase de Ciencias da Natureza, o alumnado de 5º de Primaria realizou unha sesión práctica para observar células vexetais no microscopio, dentro do tema sobre a célula.

A compañeira Iris e o compañeiro Pedro trouxeron os seus propios microscopios, permitindo que toda a clase puidese ver de cerca os detalles das células vexetais e comprender mellor a súa estrutura, ademais do funcionamento dun microscopio.

A actividade axudou aos nenos e nenas a relacionar a teoría coa práctica, reforzando a curiosidade e o interese pola ciencia desde un punto de vista práctico e divertido. 🔬🌿





O alumnado de 5º de Primaria investiga o cometa 3I/ATLAS

Dentro do tema 1 de Ciencias Sociais, dedicado ao estudo do universo, o alumnado de 5º de Primaria realizou unha pequena investigación en equipos sobre o cometa 3I/ATLAS, un obxecto interstelar descuberto en xullo deste ano.

Durante a actividade, os nenos e nenas aprenderon tamén moitas cousas sobre outros cometas famosos, como o Halley ou o Yakutake, e outros corpos interestelares, e compararon as súas características coas do 3I/ATLAS.

Este traballo axudoulles a relacionar o que aprenden na aula coa actualidade científica, descubrindo que a ciencia está sempre en movemento e que o espazo continúa cheo de misterios por investigar.

Unha experiencia chea de curiosidade, ilusión e ganas de seguir aprendendo! 🌠









lunes, 29 de septiembre de 2025

O alumnado de 5º EP embárcase no proxecto LÓVA

Este mes de setembro, o alumnado de 5º de Educación Primaria comezou unha aventura moi especial: o proxecto LÓVA (A Ópera, un Vehículo de Aprendizaxe).

Ao longo destas primeiras semanas, o grupo estivo a traballar en dinámicas de cohesión para reforzar a confianza, a comunicación e a colaboración. Tamén afrontaron pequenos retos colectivos nos que todos tiñan que cooperar para acadar un mesmo obxectivo, aprendendo así que cada persoa é importante dentro do equipo.

Ademais, iniciaron os seus cadernos de reflexión persoal, un espazo íntimo no que cada alumno escribe e pensa sobre a súa propia aprendizaxe e emocións. Ao mesmo tempo, comezaron a dar vida ao caderno de bitácora da compañía, no que se recollen os pasos, decisións e vivencias comúns da clase neste ilusionante proxecto.

O camiño acaba de comezar, e pouco a pouco iranse descubrindo as habilidades, talentos e ideas que cada alumno achegará para que a súa compañía teatral medre unida e consiga grandes metas.









Visita de Sara, nai de Alicia, ao proxecto LÓVA

Os nenos e nenas de 5°EP tivemos a sorte de recibir a Sara, nai de Alicia, dentro do noso proxecto LÓVA. Profesora de Lingua Galega, Sara co...