Seguindo co tema das plantas, que estamos a estudar en Ciencias Naturais, os nenos e nenas de 5º EP volvemos meternos na pel duns experimentados científicos para levar a cabo unha interesante investigación a través do método ciéntifico.
Primeiro fixémonos unha pregunta: Que ocorre cando privamos a unha planta da luz que precisa para medrar? Pode medrar igualmente?
Para dar resposta a esa pregunta, collimos unhas lentellas e metémolas en dous recipientes con algodón húmido no fondo para que xerminasen. Un dos recipientes puxémolo nunha caixa, con completa escuridade. O outro deixámolo fóra. Por suposto, observamos e comparamos o crecemento de ámbalas dúas plantas durante 15 días, seguindo de preto o proceso e anotando as nosas indagacións e averiguacións nun diario científico personalizado.
Chegamos a conclusións interesantes, entre elas a diferencia na realización da fotosíntese: dado que as plantas que estaban a escuras non recibiron a luz solar necesaria, non produciron clorofila, polo que o seu aspecto era pálido, non verde. Medraron igualmente, pero non dun xeito normal.
Algúns de nós decidimos transplantar as nosas plantiñas para darlles a oportunidade de seguir medrando libremente.
Foi unha investigación moi interesante!
No hay comentarios:
Publicar un comentario